Friday 03 de May de 2024

O Concello pretende homenaxear a Vicente Carril bautizando co seu nome o campo de fútbol de Camariñas


· A proposta, que se coordinou coa familia do presidente do Camariñas CF, levarase o 3 de novembro a un pleno extraordinario.

· Ademais, colocarase nas instalacións unha placa en agradecemento ás irmáns Patiño e á Igrexa pola cesión dos terreos.

O Concello de Camariñas ten a intención de homenaxear ao seu veciño e actual presidente do Camariñas CF, Vicente Carril Lema, unindo o seu nome ao do campo de fútbol, que pasaría a denominarse ‘Campo Municipal Vicente Carril’

A proposta, que se coordinou coa familia do homenaxeado, levarase o próximo venres 3 de novembro a un pleno extraordinario. Os méritos de Vicente Carril son extensos, tal e como se detalla na proposta, xa que é: presidente e fundador do Camariñas desde o ano 1977, do que tamén foi xogador cando o equipo non estaba federado; aos seus 91 anos de idade é o presidente máis lonxevo e aínda activo do fútbol galego e nacional; foi secretario da confraría de pescadores, director do Instituto Social da Mariña e axente de seguros do mar; ocupou o cargo de Xuíz de Paz; foi presidente da comisión de festas do Carmen e presidente do Casino; un dos xerentes do Rialto, o primeiro cine do pobo; foi escollido Camariñán de Honra no ano 2022 e premiado pola Federación Galega de Fútbol no ano 2017 no apartado ‘Toda unha vida’.

A iniciativa inclúe que se coloque no campo unha placa en agradecemento ás irmáns Patiño e á Igrexa pola cesión dos terreos que fixeron no ano 1984. Alí poderase ler o seguinte texto: A Igrexa Parroquial de San Xurxo cede ao Camariñas C.F. o terreo denominado “As Galeras”, que lle pertence por herdanza de D.a Virginia Patiño Deschamps, sendo presidente D. Vicente Carril Lema. En agradecemento ás irmás Patiño e á Igrexa Parroquial de San Xurxo. Camariñas 2023.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca que “con esta iniciativa o nome de Vicente Carril Lema quedará unido para sempre á historia da nosa vila”. “Vicente leva con moita fachenda o nome de Camariñas por Galicia adiante, isto é o mínimo que se merece”, afirma.